25/9/14

Inicio do Curso 2014-15

Comezamos un novo curso académico, e nunhas condicións que non variaron respecto do anterior: seguimos a ser moi poucos no Equipo de Biblioteca, e  con moi poucas horas para dedicarlle.

A Administración educativa galega segue sen poñerse de acordo consigo mesma: por unha banda recurta persoal, e por outra emite ordes que pretenden fomentar e abeirar o traballo que desde as Bibliotecas Escolares se fai en beneficio da Comunidade Educativa.

Así as cousas, e igual que o curso pasado, faremos o que poidamos, que forzosamente será pouco. Dedicaremos o pouco tempo que temos, en primeiro lugar, á xestión de fondos e préstamo. Intentaremos que as actividades dinamizadoras pasen a un segundo plano, e non a un terceiro ou un cuarto, ou mesmo que aparezan esvaídas no horizonte.

Mais non todo van ser queixas nin malos augurios. Contra o final do curso pasado, a nosa compañeira María Mansilla, do Departamento de Lingua e Literatura Galegas, doounos unha cincuentena de libros que enriquecen os fondos da nosa Biblioteca, sobre todo no tocante a clásicos da Literatura Universal.


Graciñas, María. Esperemos que pasen por moitas e boas mans.

No hay comentarios: