5/2/10

Nanocontos agasallados (II)



Dentro da Categoría B (matriculados en cursos superiores a 2º ESO), os Nanocontos gañadores dos agasallos foron os seguintes:

O segundo premio recaíu neste relato de José Rama, de 2º BAC B (por certo, ex-alumno do IES Lamas de Castelo de Carnota, a cuxo Equipo de Biblioteca enviamos un saúdo), quen asinou co seudónimo Lord Byron (2):

[SEN TÍTULO]
O son do mar fai que os recordos volvan á mente. Volvo ollar as ondas. O mar bate forte contra as rochas, uns penedos ríxidos, erguidos pola man dun Deus, moldeados pola auga, polo sal. Volvo a prender un cigarro. O alcatrán entra nos meus pulmóns como unha frecha dun indíxena que atravesa o que máis tarde será a súa comida. Quito a boina, o abrigo. Estamos sos, eu e o mar. Tento pensar nuns versos, rogo a Deus que me dea unha idea. O meu maxín está pechado. O mar encargaráse de abrilo. Lembranzas dun futuro, idealismo, imaxe de postal.


E o primeiro premio foi parar a Tamara Castro, de 1º BAC B (e autora de máis relatos agasallados noutras convocatorias):

ANÓNIMO
Eu son un ser anónimo. Son calquera persoa enterrada nunha fosa común a causa da Guerra Civil. Tamén podo ser calquer estudante asasinado en Tiananmen, ou unha persoa do Terceiro Mundo. Dende logo son un mariñeiro, un obreiro, un mineiro, persoas que arriscan a súa vida para dar de comer ás súas familias. Xamais poderei ser un cirurxán, un rico empresario, un famoso. Nunca haberá unha rúa co meu nome, nin me darán unha placa polo mérito ao traballo, aínda que leve cincuenta anos facéndoo. E todo isto, por que? Porque eu son un ser anónimo.



Proximamente, como o ano anterior, editaremos un caderniño cunha escolma máis ampla.

LEGERE ET SCRIBERE, SCRIBERE ET LEGERE

1 comentario:

mariluz dijo...

Gustáronme moito os dous relatos e felicito aos gañadores!
No de Jose Rama séntese bater con bravura o mar de Lariño! máis unha leve lembranza de Manuel Antonio. Que marabilla ver como van medrando os ex-alumnos! Saúdos para todos e en especial para Jose, a quen lembramos con moito agarimo en Carnota.